Sunday 28 de April de 2024

Gonzalo Muíños: “Xa nos tivera gustado a nós chegar ao goberno con 40 millóns de euros para obras con proxectos feitos e en marcha como ten agora Goretti Sanmartín


O portavoz dos socialistas afeoulle á alcaldesa que busque “culpables” en lugar de “solucións” sobre as súas declaracións de proxectos en risco por non executarse como a terceira fase de Basquiños ou a reforma da Praza de Abastos.

Sobre o informe do secretario xeral do Concello que abala o argumento dos socialistas de que a alcaldesa non ten competencia para outorgar o recoñecemento da Alba de Compostela: “o que fai é darnos a razón no que dixemos desde o primeiro momento”.
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2023. “Que se remangue e poña a maquinaria do Concello a funcionar” é a resposta de Gonzalo Muíños a Goretti Sanmartín logo de que afirmara que hai proxectos en risco de poder executarse por estar condicionados aos remanentes. O portavoz socialista recomendoulle á alcaldesa que “deixe de buscar culpables e comece a buscar solucións”, reivindicando o legado que deixaron no pasado mandato: “xa nos tivera gustado a nós chegar ao goberno con 40 millóns de euros para obras con proxectos feitos e en marcha como ten ela”.

Muíños recordou que ademais da rehabilitación da Praza de Abastos, o pasado mandato deixou xa en marcha proxectos como a reurbanización da rúa Mallou, a reurbanización de García Lorca ou a financiación e o proxecto para acometer a obra de Castrón Douro, para a que “non lle preocupa perder preto de un millón de euros” xa que Sanmartín anunciou a súa intención de encargar un proxecto modificado para a zona.

Recorda ademais que tanto o BNG como CA abstivéronse na votación que de maio na que se aprobou o reparto de remanentes que en boa medida serviu para financiar estes proxectos que agora a alcaldesa “tenta asumir como seus”.

“O que fai é poñer a tirita antes da ferida, alertar de que se poden perder os fondos para xustificar a súa ineficiencia” denuncia Muíños, que recordou que esta mesma estratexia usouna cando se paralizaron os pregos do transporte: “primeiro dixo que tiñamos nós a culpa, dedicáronse a poñer en cuestión os pregos, e agora afirman que non os cambiarán”. O portavoz dos socialistas recordoulle á alcaldesa que “xa non é oposición”: “é goberno e ten que asumir a súa responsabilidade”.

“A alcaldesa ten competencia para sacar adiante as obras para as que lle deixamos fondos e proxectos, pero prefire enredar”

Logo de coñecerse que o informe do secretario xeral do Concello abala o argumento que mantiveron os socialistas durante este tempo, que a entrega de medallas que organiza o goberno local para o día do Apóstolo non é competencia do goberno senón do pleno, Gonzalo Muíños pediulle á alcaldesa que “rectifique e pida desculpas aos homenaxeados”.

“Cremos, e así o defendemos, que esa festa de recoñecemento do noso podería facerse calquera outro día, por exemplo na Ascensión que son as festas nosas, as máis picheleiras” explicou Muíños que insistiu en que “o que non ten sentido é facelo nun día no que, a propia Sanmartín recoñeceu que está ateigado de actos, porque iso é desmerecer aos premiados e desvirtuar o acto”.